Quibi fracasa coa súa proposta de vídeo para móbiles

xoves, 22 de outubro do 2020 Marcus Fernández

En abril estreouse Quibi, unha plataforma audiovisual moi ambiciosa, exclusiva para móbiles, na que os contidos estaban producidos en formato vertical e fragmentados para facilitar o seu contido en mobilidade, coa intención de converterse nun grande rival para Netflix, que co seu cambio de linguaxe buscaba captar a usuarios afeitos a consumir contidos en vertical en plataformas como Instagram e TikTok.
Pero o feito de facer moito rebumbio no seu lanzamento e de contar con producións con grandes orzamentos e coa presenza de fichaxes estrela non foi dabondo para que callase esta proposta revolucionaria, e a pouco máis de medio ano do lanzamento anuncian o fracaso e peche desta iniciativa que parecía prometedora e que incluso chegou nun momento que podería parecer ideal (o consumo audiovisual disparouse durante o confinamento).
Os responsables de Quibi recoñecen que a idea que deu lugar ao seu proxecto non ten forza dabondo como para xustificar un servizo de streaming de seu, cando menos non neste momento. A situación actual non facilita tampouco que os investidores continúen a apoiar o proxecto, que é demasiado arriscado, quedando agora por determinar o que acontecerá cos activos de Quibi, para que poidan ser explotados por outra compañía con máis posibilidades para a explotación de formatos de vídeo innovadores.

PUBLICIDADE