Quitan ferro ó videoxogo sobre o acoso escolar

luns, 2 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O xogo de Rockstar Games coñecido coma Bully chegará a Europa no mes de outubro con outro nome, Canis Canem Edit, e defínese a si mesmo coma unha comedia, xa que os actos de violencia que acontecen no xogo corresponden principalmente a novatadas e outro tipo de trasnadas para gañarse o respecto no colexio, estando moi lonxe do que se criticaba nos pasados meses sen ver unha soa imaxe do xogo.
O acoso escolar non sería así o tema central do xogo, e aínda que haxa escenas de violencia, o xogo vai máis alá, de xeito que durante as partidas poden ter lugar dende carreiras de bicicletas ata activacións a xeito de broma da alarma de incendios.Non faltan no xogo os tirachinas, as bombas fétidas ou mesmo os bates de baseball, pero “non se recompensa a violencia” segundo explican os responsables da creación do xogo, xa que o protagonista non é un dos malos e, de feito, un dos obxectivos é rematar cos abusos no colexio Bullworth.
Sexa ou non polémica a temática do xogo, o que teñen garantido son unhas boas vendas por mor da publicidade gratuíta que tiveron durante máis dun ano.

PUBLICIDADE