R contará con máis de 60.000 puntos de acceso Wi-Fi para os seus clientes
luns, 22 de xuño do 2015
Hai varios anos R estreou unha
rede sen fíos para que os seus clientes puidesen acceder á Rede fóra do seu
fogar, pero este servizo nunca gozou de grande popularidade e incluso
resultaba bastante frustrante o seu uso, o que levou ao operador a iniciar a
súa completa renovación, de xeito que vai desactivar as redes que respondían ao
identificador wifi_cliente_r e paulatinamente irá activando redes Wi-Fi co
identificador wificlientesR, que
resultarán moito máis prácticos e presentaranse nun número moi superior (prevén
superar os 60 mil, fronte aos 8 mil actuais).
- Os usuarios de móbiles con Android terán doado configurar o seu smartphone para o acceso ao novo wificlientesR a través da aplicación oficial de R
O novo wificlientesR
non quere limitarse a servir de punto de acceso para conectar o noso ordenador
portátil en certas localizacións, senón que incluso busca ser un complemento
para o noso smartphone ou a nosa tableta, de xeito que cando vaiamos pola rúa
sexa posible que os nosos dispositivos móbiles accedan á Rede a través de Wi-Fi
en vez de consumindo a nosa tarifa de datos.
A principal vantaxe da nova rede será que facilitarase a súa configuración nos
nosos dispositivos de xeito que poderemos conectarnos á mesma de xeito
automático, en vez de acceder a unha páxina web na que identificarnos cada
pouco tempo para facilitar o noso acceso. En smartphones con Android poderemos
recorrer á aplicación
de R en Google Play, que facilitará a nosa identificación, mentres que no
caso de contar con dispositivos con iOS poderemos solicitar un certificado que,
tras a súa instalación nos nosos dispositivos (teléfonos ou tabletas) identificaranos
dentro de wificlientesR sen ter que introducir o noso nome de usuario e
contrasinal. No resto de casos, a través da páxina web do servizo facilítase a
configuración necesaria, xunto con guías paso a paso, para que podamos facer
que os nosos trebellos se conecten á nova rede Wi-Fi cando estea dispoñible.
Polo momento a cobertura da nova rede é algo limitada (podendo consultase a
través dun mapa en liña) pero nos vindeiros meses realizarase un incremento
do número de puntos de acceso aproveitando os routers instalados nos fogares e
negocios de clientes de R que autoricen o aproveitamento do seu equipo de
acceso para tal fin (sen afectar á súa velocidade de conexión á Rede) e
utilizando como incentivo para tal autorización o acceso á rede wificlienteR
(que achega un total de 20 GB de datos ao mes a máxima velocidade, que de
superarse baixarían até os 256/256 Kbbps, o que resultará de grande utilidade
para usuarios que acceden decotío á Rede en mobilidade). R permitirá unha
conexión simultánea a wificlienteR por cada liña contratada.
Aparte dos puntos de acceso que aproveiten instalacións de clientes de R, o
operador tamén colocará puntos de acceso profesionais en localizacións nas que
detecten unha grande afluencia de usuarios, para así poder atender a demanda de
accesos á Rede con calidade.
Vídeo promocional do novo wificlientesR