R e AMTEGA levarán as redes ultrarrápidas a 11 novos polígonos de Pontevedra

luns, 20 de marzo do 2017 Redacción

Proseguen as achegas de información acerca do Plan de Banda Larga da Xunta e dos traballos que está a levar a cabo a compañía R ao abeiro deste Plan en materia de polígonos industriais (dotándoos con tecnoloxía de fibra óptica FTTH e velocidades de Internet ultrarrápidas). Se os días pasados falamos da incorporación aos 350 Mpbs de baixada dos polígonos de Picusa (Padrón) e Sigüeiro-Oroso, agora R e AMTEGA lembran que o devandito Plan facilitará este ano o acceso a Internet avanzada a 11 polígonos máis da provincia de Pontevedra. Asi o deron a coñecer ante os medios de comunicación a directora da axencia, Mar Pereira, e o director xeral de R, Alfredo Ramos, acompañados do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores.
Como lembraremos, as actuacións e equipamentos están a estenderse este ano por unha parte importante dos nosos complexos industriais. Sen ir máis lonxe, polos enclaves de O Campiño (Pontevedra), O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e A Reigosa (Pontecaldelas), e xa metidos en febreiro, polos polígonos de Pazos (Verín), O Barco de Valdeorras e A Medua (Carballeda de Valdeorras), aos que tamén se suma o de Pousada-Lourenzá, na provincia de Lugo e os devanditos de Picusa (Padrón) e Sigüeiro-Oroso.
A intención é dotar (nesta primeira parte do Plan) de Internet ultrarrápida a 81 polígonos da Comunidade que a día de hoxe non dispoñen destes servizos. As actuacións, comentaron hoxe Pereira e Ramos, comezaron o ano pasado e xa achegaron as ditas infraestruturas a 7 polígonos da provincia de Pontevedra. En 2017 incorporaranse outros 11 e en 2018 outros 9. “Unha vez completado o Plan”, sinalaron, “o 95% da superficie empresarial da provincia terá acceso a redes de máis de 100Mbps”.
Segundo engadiron, estes fornecementos posibilitarán que as empresas dos polígonos atinxidos poidan contratar servizos de Internet a través de fibra óptica “cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas”.
Ademais, R recordou que pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Mar Pereira recordou que ao abeiro do dito Plan, en 2016, completouse o despregue en 17 polígonos en toda Galicia, estando previsto cubrir este ano outros 30 e en 2018 os 34 restantes. “Deste xeito”, engadiu, “no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs”.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), subvenciona estes despregues cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE