R incrementa os domicilios e empresas de Bueu que contan coa súa fibra óptica

venres, 15 de xaneiro do 2021 Redacción

A operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de Bueu con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH (tecnoloxía de fibra até o fogar). Os núcleos de Soutelo, Trasouto e rúa Nova de Abaixo, no termo municipal pontevedrés, xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes núcleos de Bueu”, segundo fixo saber a compañía.
Deste xeito, arredor de 114 novos fogares e negocios do dito núcleo ficaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
Amais, cando tralo exercicio de 2021 se complete o despregue local no marco do Plan Avanza, haberá 1.625 residencias particulares e empresas conectadas no concello do Morrazo.
O operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en Bueu, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un total de 3.009 fogares e empresas deste municipio da provincia de Pontevedra.
Este e outros despregues na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento de Bueu encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos de do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo).

PUBLICIDADE