RTVE aumenta os contidos en galego
venres, 10 de outubro do 2025
O presidente de RTVE, José Pablo López, anunciou este 10 de outubro a retransmisión en galego de determinados partidos de fútbol, como primeiro paso para “reforzar o seu compromiso coa pluralidade lingüística”. Esta medida foi moi ben recibida pola Mesa para a Normalización Lingüística, que expresou a súa esperanza en que “o paso anunciado este venres 10 por López sexa o primeiro de todos os compromisos adquiridos o pasado mes de marzo, nunha xuntanza mantida co presidente e coa secretaria xeral da entidade de defensa da lingua”.
Segundo lembra A Mesa, o presidente de RTVE garantiu, nesa xuntanza, que” antes de rematar o ano 2025 habería un aumento de contidos en galego en TVE e comezarían as emisións en galego en Clan”. No mesmo encontro, López asegurou aos representantes da asociación a favor do galego “que tamén se incrementaría a presenza da nosa lingua nos contidos radiofónicos do ente estatal”.
Naquela xuntanza, A Mesa reclamáralle ao máximo responsable da RTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE “debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están en galego.” A Mesa recordou que “o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”.
A Mesa resalta “os avances conseguidos con grade esforzo polo conxunto da sociedade galega a través da mobilización e da Iniciativa popular Xabarín” e recorda que “estes avances están a ser postos en cuestión polo propio goberno da Xunta do Partido Popular que lonxe de cumprir a obriga de promover o galego, aprobou unha lei de medios públicos que abre a porta a que a TVG deixe de usar o galego e a reducir máis a escasa oferta audiovisual na nosa lingua”.
