RTVE rexeita que Twitter os considere un medio propagandístico

martes, 18 de abril do 2023 Marcus Fernández

A polémica sobre a etiquetaxe por parte de Twitter de medios públicos como financiados polo Goberno, ou sexa, considerándoos do mesmo xeito que os medios propagandísticos de estados autoritarios, está a dar pé a un grande malestar, que nalgúns casos está xa a traducirse na retirada da etiqueta que podería considerarse inxuriosa por parte de Elon Musk, que parece ser o grande responsable deste cambio de criterio (xa que antes incluso as normas de Twitter recollían a diferenciación entre medios públicos con independencia editorial e medios propagandísticos).
A etiqueta de medio fundado polo Goberno xa afecta en España a TV3 e a RTVE, sendo esta última a primeira en reaccionar cun comunicado no que amosan o seu desacordo ante a etiqueta incluída unilateralmente por Twitter, e lembran que a Corporación de Radiotelevisión Española ten independencia editorial pese a financiarse a través dunha asignación dos presupostos xerais do Estado. Dende a Corporación lembran que a súa independencia está amparada pola lei, e piden a retirada da polémica etiqueta ou que sexa substituída pola de medio financiado publicamente (que é o tratamento que recibe a BBC tras entrevistar a Elon Musk).
Dende a Unión Europea de Radiodifusión consideran que o que está a facer Twitter é un ataque aos medios públicos e están a estudar unha resposta conxunta.

PUBLICIDADE