Ratatan estará dispoñible en acceso anticipado en setembro

xoves, 14 de agosto do 2025 Redacción

Desenvolvido como sucesor espiritual do mítico PataponRatatan aposta por unha mestura de acción rítmica, estética delirante e estrutura roguelike, conseguindo unha proposta tan estraña como fascinante que está a evolucionar a bo ritmo para converterse nun produto final ao longo do presente ano.
A diferenza do seu predecesor de PSP, en Ratatan os protagonistas non son os adorables Patapons, senón os Ratatans, seres animaloides cun só ollo e cheos de carisma. Estes líderes transmiten ordes ao seu escuadrón de Cobun, pequenas unidades de combate que executan accións como atacar, defenderse ou reagruparse ao ritmo das pulsacións.
A proposta mantén a esencia da serie orixinal, mais evoluciona e amplía a fórmula. Cada Ratatan conta cunha combinación distinta de Cobun (algúns especializados no corpo a corpo, outros no ataque a distancia) e con opcións para mellorar o seu equipo mediante a compra ou fabricación de armas. Estas posibilidades de personalización engaden unha capa estratéxica que cobra máis sentido nun contexto roguelike, onde cada partida implica a exploración dun portal cheo de inimigos, potenciadores e loitas contra xefes finais.
O xogo chegará a finais de ano a PC, Nintendo Switch, PS4, PS5 e Xbox Series X|S, pero para os usuarios de PC hai unha boa nova, xa que en Steam, onde está xa dispoñible unha versión de demostración do xogo, veñen de anunciar que o vindeiro 19 de setembro lanzarán o xogo en acceso anticipado, de xeito que os máis entusiastas deste curioso xénero poderá xa gozar dunha versión moi avanzada de Ratatan.

Así se deixou ver Ratatan durante o Summer Game Fest