Ratifican a sentenza de extradición de Kim Dotcom a EE.UU.

luns, 20 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Kim Dotcom nunha fotografía con Kevin Mitnick e Ira Rothken

Hai algo máis de 5 anos pechaba Megaupload.com baixo acusacións de infraccións de copyright, nunha operación policial totalmente desproporcionada na que desprazaran todo un equipo de operacións especiais ao domicilio de Kim Dotcom en Nova Zelandia, país no que as infraccións das que se acusaba ao emprendedor de orixe alemá non continúen un delito penal, o que converteu á causa xudicial na súa contra ten todo un labirinto, ante as dificultades para xustificar a súa extradición aos EE.UU., país que iniciou as actuacións legais contra el.
A finais de 2015 un xulgado neocelandés admitiu a petición de extradición de Dotcom aos EE.UU., decisión que foi recorrida, e que agora vén de ratificarse, o que levou á súa detención provisoria en Auckland xunto a de tres dos seus colaboradores, aínda que dende a defensa continúan a pensar que a extradición non chegará a facerse efectiva, considerando que estamos ante un caso complexo e sen precedentes, no que o Alto Tribunal sorprende ditando sentenza contra as leis ditadas polo Parlamento (que especifican que os provedores de servizos en liña non son responsables do uso dos mesmos que fan os seus usuarios) e incluso a lexislación internacional, resultando difícil de xustificar que pretendan aplicar a un cidadán neocelandés as leis de EE.UU.
O Departamento de Xustiza dos EE.UU. e o FBI emprenderan actuacións contra Megaupload Limited e Vestor Limited, así como a 7 particulares, por organizar unha trama criminal organizada a través da que xerarían máis de 175 millóns de dólares e provocarían máis de 500 millóns de dólares en danos. Na operación contra os acusados incautaron 18 nomes de dominios e máis de 50 millóns de dólares en activos nos máis de 20 rexistros efectuados en EE.UU. e 8 países.
No momento do seu peche Megaupload levaba máis dun lustro operando, tempo no que superou os 150 millóns de usuarios rexistrados, recibía 50 millóns de usuarios diarios e incluso calculábase que movía o 4% do total do tráfico da Internet.