Rec Room súmase ás baixas no ámbito da VR

martes, 31 de marzo do 2026 Redacción

A plataforma social e de creación en realidade virtual Rec Room cesará a súa actividade o vindeiro 1 de xuño poñendo fin a un percorrido de arredor de dez anos no que conseguiu xuntar unha ampla comunidade global.
Durante este tempo, o servizo acadou máis de 150 millóns de usuarios e creadores, que chegaron a establecer máis de 500 millóns de amizades dentro da plataforma. Segundo datos da propia compañía, o tempo acumulado de uso ascende a 68.000 anos, mentres que as salas creadas por usuarios con maior éxito superaron individualmente os 500 anos de actividade.
A pesar destes indicadores de popularidade, a empresa recoñece que non foi capaz de construír un modelo de negocio sostible. Os custos operativos superaron de maneira recorrente os ingresos xerados, unha situación agravada polos cambios recentes no mercado da realidade virtual (lembremos que Horizon Worlds tamén está a dicir adeus) e polo contexto xeral da industria do videoxogo.
A partir do 1 de xuño, os usuarios non poderán iniciar sesión nin acceder ao xogo, mentres que a web rec.net e os servizos asociados a Rec Room Studio tamén deixarán de estar operativos. Como paso previo, a compañía xa bloqueou a creación de novas contas, a adición de amizades e as subscricións ao servizo premium Rec Room+. Ademais, eliminouse a esixencia desta subscrición para determinados programas de creadores e suspendéronse as recompensas en tokens.
O calendario de peche establece tamén outras limitacións progresivas. Desde o 1 de maio non será posible adquirir tokens nin realizar compras con diñeiro real, mentres que a partir do 18 de maio cesará a obtención de novos tokens por parte dos creadores, aínda que se permitirá gastar os xa acumulados ata o peche definitivo.
Como medida de agradecemento, a compañía aplicará descontos do 80 % nos contidos propios e abrirá determinadas funcións ata agora reservadas a usuarios premium.

Vídeo de despedida de Rec Room