Reclaman na USC a creación dun observatorio para abordar a dixitalización nos convenios colectivos de sector
xoves, 22 de xaneiro do 2026

- Presentación do informe na Facutalde de Dereito da USC
- Imaxe de Santi Alvite
A Facultade de Dereito da USC acolleu este xoves 22 o acto de presentación dun informe sobre a dixitalación nos convenios laborais colectivos de sector galegos, a primeira análise exhaustiva de como a transformación tecnolóxica se incorpora á negociación colectiva en Galicia. Trátase dun documento impulsado polo Consello Galego de Relacións Laborais e dirixido polo profesor da USC, José María Miranda Boto.
Entre as súas principais conclusións figura a seguinte: abordar o réxime da dixitalización no traballo é unha obriga para a negociación colectiva galega, pero é unha tarefa que pode atopar dificultades ao ser tratada en solitario polos axentes sociais en cada sector, polo que “convén dotala do maior apoio institucional”. Aí entraría en xogo a creación dun observatorio ou unha comisión sobre dixitalización, que permitiría “establecer un órgano onde se elaborasen cláusulas tipo, impartiríanse formación ás partes negociadoras e aos equipos xurídicos que as apoian, e deseñaríanse accións comúns que beneficiasen ao conxunto das relacións laborais en Galicia, incluíndo á Administración laboral e á Inspección de Traballo (por exemplo, en materia de algoritmos)”.
O documento tamén pon o foco nos beneficios de impulsar a revisión dos convenios colectivos para incorporar de maneira sistemática e detallada as competencias dixitais, tanto nas descricións funcionais como nas táboas retributivas.
No relativo ao teletraballo o informe salienta que os convenios colectivos sectoriais de Galicia “deberían establecer un marco común que garanta protección tanto para as empresas como para as persoas teletraballadoras”. Este marco, sinálase, debería abordar aspectos como a definición do teletraballo, os criterios para acceder a el, a porcentaxe mínima de xornada teletraballada necesaria para aplicar as garantías, a prioridade do réxime de teletraballo para colectivos vulnerables e con necesidades de conciliación ou as medidas compensatorias dos custos derivados do teletraballo, entre outras.
“O regulamento do teletraballo esixe tamén ter en conta aspectos como a igualdade de oportunidades, a protección da saúde laboral, a formación continua e a seguridade tecnolóxica, evitando que a falta de adaptación ou a fenda dixital se convertan en causas de discriminación ou exclusión”, destaca o informe, que tamén fai fincapé en como a negociación colectiva galega debera garantir que as persoas traballadoras “sexan informadas previamente, e de forma clara, sobre a utilización de algoritmos que poidan afectar as súas condicións laborais”.
O informe lembra que as novas tecnoloxías presentan un carácter pluriofensivo que pode afectar gravemente á intimidade das persoas traballadoras, especialmente pola súa capacidade de captar e almacenar datos. Por iso, resulta necesario que “a negociación colectiva vaia máis aló das garantías legais e xudiciais, regulando aspectos como a finalidade dos sistemas de vixilancia, o dereito á información sobre a súa instalación e uso, e o cumprimento dos principios de proporcionalidade e minimización”.
Sen permitir un uso desproporcionado, os convenios colectivos deberían admitir, sinala o informe, “certa tolerancia respecto de condutas razoables e ocasionais, como consultar o correo persoal ou páxinas web por parte das persoas traballadoras, sempre que non afecten negativamente ao rendemento nin á seguridade da empresa”. En lugar de sancionar automaticamente tales prácticas, sería positivo “definir claramente que condutas están prohibidas”. Garantir o dereito á desconexión dixital, así como a creación dunha guía de boas prácticas son tamén outras das recomendacións que realiza o documento.
O traballo, encargado polo Consello Galego de Relacións Laborais a persoal investigador da USC e da Universidade de León e dirixido polo profesor Miranda Boto, examina 122 convenios colectivos autonómicos e provinciais, co obxectivo de identificar o grao de presenza da dixitalización nos textos convencionais. Entre os ámbitos analizados destacan a participación da representación das persoas traballadoras nos procesos de transformación dixital, os novos perfís e clasificacións profesionais vinculados ás tecnoloxías da información, o teletraballo, o uso de medios dixitais e o dereito á desconexión, a protección de datos, a videovixilancia e o uso de algoritmos e IA, cuestións que mostran un desenvolvemento aínda limitado.
Ademais do profesor Miranda Boto, no acto participaron a decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández, e a presidenta do CGRL, Antía Sández Callejo. O equipo da USC complétano Lidia Gil Otero e José Pazó Argibay.
