Reclusos de Monterroso recibirán formación en reparación de aparellos electrónicos

luns, 18 de febreiro do 2019 Redacción

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda formará durante os vindeiros dous meses a unha decena de reclusos do centro penitenciario de Monterroso co fin de facilitarlles coñecementos teóricos e prácticos para a súa capacitación na reparación de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Trátase dunha experiencia piloto cunha clara orientación socio-laboral e dirixida a colectivos en risco de exclusión que deste xeito terán a oportunidade de acceder a 20 horas de formación en xestión de RAEE.
Todos os internos que participan nesta acción pertencen á Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) de Monterroso, un módulo independente que integra nun espazo socioeducativo e terapéutico a presos sometidos a un programa de drogo dependencias. Precisamente, un dos piares da iniciativa será colaborar na inserción socio-laboral destas persoas, nunha clara situación de vulnerabilidade social, involucrando a grupos específicos en proxectos de relevancia ambiental e fomentando incluso a oportunidade de que os reclusos participantes poidan nun futuro presentar a súa candidatura a procesos selectivos.
O outro obxectivo do taller é concienciar aos asistentes sobre a necesidade de recuperar e reutilizar todos aqueles compoñentes de aparellos eléctricos e electrónicos desbotados pero que poden ter unha nova vida, reducindo así a cantidade de residuos industriais que se xeran na nosa comunidade e posibilitando incluso a apertura de novas oportunidades laborais.
O programa, que empezou a impartirse esta mesma semana e se prolongará ata comezos de abril, está dividido en dúas partes: unha centrada na ofimática e a segunda, en electrodomésticos de medio e gran tamaño. Organizado en sesións semanais de dúas horas e media de duración, comezarase por impartir os coñecementos relacionados coa informática para posteriormente acabar co módulo de reparación de aparellos.
Esta primeira acción piloto, á que se lle pretende dar continuidade con outra semellante nos vindeiros meses, virá complementar as actividades formativas impulsadas a finais de 2018 en varios centros penitenciarios galegos e en diferentes entidades sociais. Naquela ocasión, os participantes recibiron unha serie de sesións orientativas nas que se incidiu na formación en materia de xestión e preparación para a reutilización dos residuos xerados a raíz dos aparellos eléctricos e electrónicos.

PUBLICIDADE