Recta final para solicitar axudas ao novo programa de emprego da Deputación de Lugo

luns, 16 de outubro do 2017 Redacción

Esta semana entra na súa recta final o prazo para solicitarmos axudas ao programa Ben Empregado 4 da Deputación de Lugo, que, como lembraremos, diríxese a achegar recursos a autónomos, PEME e asociacións (todas elas da provincia) para sumar novas/os profesionais dunha manchea de eidos de actividade ás súas equipas, entre os que se contan community managers (os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet), técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsábeis de proxectos transmedia. O prazo para a demanda de axudas remata este 18 de outubro.
Coa contía recibida, os solicitantes poderán pagar durante 1 ano os custos laborais de novas/os traballadoras/es lucenses que estean no paro (principais beneficiarias/os, xunto coas PEME obxecto de subvención, do programa Ben Empregado).
Máis polo miúdo, o Executivo provincial asumirá coas devanditas subvencións o 100% dos custos laborais cando os contratados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral; o 90% de traballadores en xeral para colectivos sen ánimo de lucro e o 50% para empresas. A contía máxima a recibir será de 22.000 euros.
Como lembraremos, Ben Empregado 4 máis social, o plan de emprego da Deputación de Lugo, está dotado con 2,2 millóns de euros e diríxese a beneficiar a un mínimo de 150 entidades e asociacións (con vistas xerar outros tantos novos postos de traballo na provincia). O programa, incluída esta cuarta edición do mesmo, responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.
Á hora de conceder as axudas, a Deputación favorecerá as empresas e colectivos que “non se teñan beneficiados das anteriores edicións co obxectivo de chegar a máis xente; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral a todo o cadro de persoal, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa”.

PUBLICIDADE