Red Dead Redemption terá versión para PS4 e Nintendo Switch

luns, 7 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Rockstar Games anunciou hoxe que a súa grande aventura no salvaxe Oeste, Red Dead Redemption, xunto co seu contido adicional Undead Nightmare, vén de ser convertida a PlayStation 4 e Nintendo Switch por Double Eleven Studios, facilitando así que os xogadores desas consolas poidan gozar de tal clásico moderno, salientando o feito de que a versión para PS4 é retrocompatible con PS5.
Cómpre lembrar que este título tivo deu lugar a un xogo aínda máis ambicioso, Red Dead Redemption 2, que a nivel de historia sería unha precuela, polo que os que chegaran á saga nese momento poderían estar interesados en facerse con Red Dead Redemption para ver a continuación da trama, de aí que esta adaptación a consola recentes teña certo sentido.
O xogo chegará inicialmente ás tendas dixitais (de feito, xa podemos velo na Nintendo eShop coa data de lanzamento fixada no vindeiro día 17), mentres que para poder facernos cunha copia en formato físico teriamos que agardar até o 13 de outubro.
Cómpre salientar que existe certo malestar na comunidade de xogadores ao ver que un xogo tan vello (ten máis de 13 anos) pretenda venderse sen ningunha mellora a un prezo de 49,99 euros. Lembremos que a versión para Xbox 360, que pode xogarse en Xbox One e Xbox Series X|S, ten un prezo oficial de 29,99 euros (chegando a venderse de oferta por menos de 10 euros).

Tráiler de Red Dead Redemption para Nintendo Switch

PUBLICIDADE