Red.es celebrará o Día de Internet dende a Casa de América en Madrid e para todo o mundo

martes, 8 de maio do 2007 Raquel Noya

Coma nas grandes áreas comerciais, que na época de rebaixas ofrecen o “tres por dous” (levamos tres produtos e pagamos dous), o vindeiro 17 de maio os galegos tiramos a casa pola fiestra e celebramos o tres por un; non un nin dous, senón até tres bloques de actividades levaranse a cabo para celebrar tres días en un só: o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o Día de Internet e o Día das Letras Galegas, que, por certo, este ano se lle dedica á poeta María Mariño.
Con motivo do Día de Internet, o organismo Red.es, entidade adscrita ó Ministerio de Industria, vai desenvolver en toda España actividades que favorezan o emprego das TIC no conxunto da sociedade, entre as que cómpre salientar a celebración da II Edición do Fotoblog da Memoria Histórica e de diversos concursos levados a cabo nos Centros Educativos Pilotos TIC de Red.es de todo o estado (gymkhanas virtuais, enciclopedias en rede con achegas propias...).
Ademais, a entidade realizará un sorteo entre os dominios “.es” rexistrados, así como unha mesa redonda sobre Sanidade e TIC e unha radiografía da Sociedade da Información en España, elaborada polo Observatorio das Telecomunicacións de Red.es que achegará datos sobre a situación actual das TIC en todo o estado.

America Latina, protagonista no acto institucional
Dende a sede da Casa de América en Madrid, o Ministerio de Industria vai difundir a tódolos currunchos de Internet as posibilidades que ofrecen as TIC a todos e a cada un dos cidadáns. Para isto, instalarase no dito centro un espazo aberto no que se levarán a cabo debates, concursos, demostracións e sesións de formación que poderán seguirse a través da web do Plan Avanza. O diálogo entre xeracións e o poder da comunicación iberoamericana na Sociedade da Información e o Coñecemento serán os eixos centrais das actividades programadas na Casa de América.
Tamén se instalará no mesmo espazo un plató de televisión dende o que se emitirán algunhas das actividades relacionadas co emprego de Internet e das TIC na sociedade actual, que servirá sobre todo para potenciar a participación cidadá nos actos de Red.es.
Iniciativas como Internet na Aula, os Préstamos Avanza para a adquisición de equipos e banda ampla ou as medidas para a modernización dos servizos públicos terán cabida na programación prevista.
Asemade, sen necesidade de saír da Casa de América e grazas á tecnoloxía de RedIRIS e RedCLARA, as redes académicas e de investigación para España e América Latina (respectivamente), prevese un encontro dixital entre universidades de unha e da outra beira do Atlántico.

PUBLICIDADE