Red.es incrementa o número de Oficinas Acelera Peme, que serán seis na nosa terra

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

A entidade estatal Red.es vén de facer pública a resolución da convocatoria de axudas para continuar co proceso de creación da rede de Oficinas Acelera Peme por todo o territorio nacional. Desta convocatoria resultaron beneficiadas 27 entidades entre as que se inclúen asociacións profesionais e empresariais (13), colexios profesionais (5) e centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica (9). A esta convocatoria presentáronse un total de 87 solicitudes. Pola nosa terra atópanse agora dúas asociacións beneficiadas que se suman ás que se deron a coñecer os meses pasados: a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia e máis a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
O orzamento dos proxectos subvencionados na convocatoria é de 8 millóns de euros (8.043.895,38), dos cales Red.es achegará 6,3 millóns, (6.307.508,34), e as entidades beneficiarias o resto.
As oficinas que se crearán en virtude desta convocatoria estenderanse por 15 comunidades, incluída, como dixemos, Galicia (onde se crearán dous puntos de atención e asesoramento).
Estas 27 oficinas únense ás 60 postas en marcha en virtude do convenio asinado con Cámara de España e que van permitir mobilizar un orzamento total de 18 millóns de euros. O convenio coa Cámara conta cun orzamento de 9,975 millóns, dos cales Red.es achegará un máximo de 4,635 millóns e a dita entidade un máximo de 5,340. Neste punto prevese a posta en marcha de 60 Oficinas Acelera Peme nas 17 comunidades autónomas e en Ceuta, das cales 35 estarán en marcha durante este ano e 25 en 2022. En Galicia activaranse catro puntos de actividade, que se suman aos dous devanditos.
As oficinas son un espazo físico e virtual no que se realizan labores de sensibilización e apoio ás empresas do ámbito estatal (incluídas as de nova creación), especialmente as pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores, sobre as vantaxes e metodoloxías innovadoras para optimizar o funcionamento dos seus negocios, mediante a incorporación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) nos seus procesos, de modo que se favoreza a demanda de tecnoloxías innovadoras que contribúan á mellora da súa produtividade.

PUBLICIDADE