Rede Aberta conectará Bordeos con Lisboa cunha rede troncal de fibra óptica de alta capacidade

mércores, 25 de febreiro do 2026 S. P.

A operadora neutra Rede Aberta, entidade galega envorcada no fornecemento de infraestruturas avanzadas de telecomunicación, desenvolverá o proxecto Atlantic Arc, que permitirá realizar o estudo dunha rede troncal de fibra óptica terrestre de alta capacidade para conectar Bordeos (Francia) con Sines e Lisboa (Portugal), pasando polas comunidades de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, cunha lonxitude superior aos 2.000 quilómetros, tal e como informamos os días pasados dende este medio nun avance das liñas xerais do proxecto.
O proxecto, seleccionado pola Comisión Europea dentro do programa CEF Digital (Conectar Europa), pretende establecer as bases para “a construción dunha rede troncal ao longo do corredor Atlántico para interconectar cidades clave de Francia, España e Portugal e superar as eivas en conectividade dixital”, informou Rede Aberta, engadindo que se busca “mellorar a resiliencia e redundancia da rede entre estacións terrestres e a súa conexión coa rede europea en xeral”.
Ademais de ser unha rede troncal, achegará capilaridade porque “dela sairán ramificacións que incrementarán a conectividade en zonas rurais desatendidas ao longo do corredor”, impulsado o acceso equitativo a infraestruturas dixitais de alta velocidade e baixa latencia.
Rede Aberta engade que Atlantic Arc creará infraestruturas dixitais de alta capacidade para mellorar a conectividade tanto dentro de Europa como con terceiros países. Así, “establecerá as bases para despregar unha rede terrestre de fibra óptica que conecte os cables submarinos (estacións de amarre de cables), centros de datos e hubs dixitais”, engadiu a operadora galega.
Conexión terrestre con cables submarinos
O proxecto pretende crear un ecosistema dixital terra-mar que optimice os fluxos de datos transcontinentais, coa conexión directa das cidades atlánticas ás que chegan os cables submarinos, xunto coa integración cos principais centros de datos rexionais para facilitar a computación de alto rendemento e servizos na nube.
Ademais, Atlantic Arc persegue mitigar os riscos de saturación das redes existentes e proporcionar ligazóns seguras e de alta capacidade que reforcen a resiliencia das infraestruturas dixitais europeas, diversificar os roteiros tradicionais existentes e reducir a dependencia dos cables submarinos. Así, conectará a través da mesma rede as estacións de amarre de cables de Lisboa, Sines, Santander, Bilbao e Bordeos.
A nova rede tamén persegue garantir unha conectividade segura, inclusiva e respectuosa cos recursos naturais, de modo que contribúa a incrementar a competitividade na economía dixital global dos territorios polos que discorre o trazado de máis de 2.000 quilómetros.
Neste sentido, pretende aproveitar a aposta de todo o Arco Atlántico pola xeración de enerxía mediante a eólica terrestre e mariña, o que permite utilizar esta fonte enerxética de orixe renovable para a construción de centros de datos, “xa que contribúe a minimizar o impacto medioambiental”, informou Rede Aberta.
O Atlantic Arc conectará a cidades como Sines, Lisboa e Porto (Portugal) con Vigo, A Coruña (Galicia), Xixón (Asturias), Santander (Cantabria) e Bilbao (País Vasco), ademais de Bayonne (Euskadi francés) e Bordeos (Nova Aquitania, Francia). En conxunto, beneficiará ao territorio das rexións do arco atlántico que suman máis de 19 millóns de habitantes e un PIB de case 620.000 millóns de euros.
Pere Antentas, CEO de Rede Aberta, destacou que a decisión da Comisión Europea de seleccionar este proxecto dentro do programa CEF Dixital reforza o compromiso da compañía “coa mellora da conectividade no eixo atlántico europeo”. Así, asegurou que contribuirá ao “fortalecemento da conectividade europea, dando así un paso decisivo cara a un corredor dixital máis resiliente, competitivo e preparado para o futuro en toda a rexión atlántica”.
Pere Antentas explicou que “o Atlántico Europeo ten auga, enerxía ecolóxica en abundancia e moito talento. Se a estes recursos naturais e ao coñecemento dixital da rexión sumámoslle unha autoestrada de datos infinita, iso supoñerá no futuro un desenvolvemento social e económico sen precedentes. O investimento da infraestrutura non será cuantitativo, senón que será cualitativo e cun retorno infinito”.
O programa CEF Digital (Conectar Europa) persegue acelerar o investimento no eido das redes transeuropeas que faciliten as conexións transfronteirizas, mediante infraestruturas modernas e multimodalis de alto rendemento nos seus sectores dixital, do transporte e da enerxía, que contribúan á interconexión e a integración da Unión e de todos os seus territorios insulares e rexións, promovendo unha maior cohesión económica, social e territorial.
Rede Aberta é unha empresa galega con sede social en Santiago de Compostela. A compañía iniciou a súa actividade en 2020 e está especializada no despregamento de redes de fibra óptica neutra no rural. Na actualidade, ofrece os seus servizos a máis de 450.000 fogares de todos os municipios de Galicia, con máis de 15.000 quilómetros de fibra despregada.