Remata o prazo para participar a través de Twitter no concurso dos 25 anos da CRTVG

xoves, 20 de maio do 2010 Raquel Noya

Mañá venres, 21 de maio, remata o prazo para participar nos concursos a través da rede social Twitter que organiza a Secretaría Xeral de Medios para conmemorar os primeiros 25 anos da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).
Son os que levan por título: As mellores frases da dobraxe na Galega e Que está a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG, nos que poden participar calquera internauta que teña a súa propia conta en Twitter e teña visto algunha dobraxe que lle chamara a atención pola súa peculiaridade e orixinalidade.
As bases de participación de ámbolos dous certames poden atoparse aínda nas páxinas web do ente radiotelevisivo, así como na do Centro Multimedia de Galicia. Cada un dos concursos contará con tres gañadores, que recibirán como galardón reprodutores blu-ray, discos duros externos e videocámaras dixitais.
Coa organización destas actividades, a Secretaría Xeral de Medios e a CRTVG pretenden promover o uso das novas formas de comunicación que xorden de Internet, en particular da ferramenta Twitter, empregándoa como medio de comunicación e participación en tempo real.
Por outra banda, os interesados en coñecer de preto a historia e as curiosidades do ente autonómico terán tamén de prazo ata o próximo venres para visitar as exposicións fotográficas que acollen as aulas coas que conta a Rede CeMIT en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ferrol e Pontevedra.

PUBLICIDADE