Retiran a metade dos cargos contra os responsables de The Pirate Bay no segundo día de xuízo

martes, 17 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Os responsables de The Pirate Bay</Em> durante unha rolda de prensa</A>

Este luns comezou un polémico xuízo contra os responsables de The Pirate Bay en Suecia, que acapara moitas miradas pola importancia que teñen os servidores desta web dedicada ao intercambio de ficheiros a través da Internet, que sosterían a máis da metade do tráfico de BitTorrent do mundo polo que, de pecharse, podería sobrecargar o resto de servidores activos, facendo perigar o futuro desta rede P2P.
Dende as industrias discográfica, cinematográfica e dos videoxogos alegan que The Pirate Bay provocoulles unhas perdas de preto de 115 millóns de coroas (10,6 millóns de euros) polas descargas non permitidas e fomentadas, aínda que o uso legal ou ilegal do P2P non parece que sexa culpa dos responsables da web que acolle aos usuarios deste tipo rede de intercambio de arquivos, como os fabricantes de automóbiles non son responsables de que os condutores superen os límites de velocidade.
A evolución do proceso xudicial durante este martes foi realmente abraiante, pois a desestimáronse a metade dos cargos presentados ante a pouca solvencia das probas presentadas (a acusación demostrou non comprender o funcionamento da rede BitTorrent), de xeito que Fredrik Neij, Gottfrid Svartholm, Peter Sunde e Carl Lundström xa non teñen que defenderse da acusación de «axudar a infrinxir o copyright» e só se lles acusaría de axudar á publicación dos ficheiros, quedando a reprodución de contidos fóra da causa, polo que entendemos que están a acusar a The Pirate Bay simplemente de enlazar contidos.
O proceso aínda está lonxe de rematar, pero os últimos acontecementos dan a entender que a acusación vai ter complicado demostrar que a actividade de The Pirate Bay é ilegal, pero de ser así as repercusións a escala mundial poderían ser moi importantes, non só pola consecuencia directa da causa xudicial, senón tamén pola posibilidade de que se inicien procesos semellantes contra outras plataformas semellantes.