Retrasan o apagamento analóxico nos EE.UU.

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

En España temos fixado o apagamento analóxico da televisión para 2010, pero en EE.UU. tiñan coma obxectivo o vindeiro 17 de febreiro, pero o prazo non está a resultar suficiente, e no Senado norteamericano veñen de votar a demora do apagamento para o 12 de xuño, o que podería ser un anticipo do que vai pasar en Europa, cuns prazos irrealizables para facer que a TDT chegue a todos os fogares.
Co texto aprobado as emisoras de televisión estadounidenses poden comezar a saltar a dixital antes do 12 de xuño se están listos, pero non están forzados a facelo antes. Tamén ampliaron o seu plan de cupóns de desconto para receptores de TDT despois de que os cartos destinados á subvención dos dispositivos chegasen a pouco, quedando uns 2,5 millóns de consumidores á espera de recibir os seus cupóns.
Nesta situación incluso parece imposible que o salto á TDT nos EE.UU. chegue no verán, e os cidadáns poderían ver unha sucesión de prórrogas para adaptar fogares e infraestruturas para a televisión dixital terrestre.
O caso español parece que irá no mesmo camiño, e así o apuntan experiencias previas como a de A Fonsagrada, onde no seu día o apagamento analóxico non foi tal porque, de producirse, deixaría ao 10% da poboación sen servizo de televisión.
Este verán o apagamento chegará ao 12,6% da poboación española (incluíndo a Compostela e a Ourense Leste), e de cara ao Nadal chegará outra fase de espallamento que afectará a 14,5 millóns de persoas, pero non esquezamos que na actualidade os fogares españois non contan con TDT en máis da metade dos casos pese a que a porcentaxe de poboación con cobertura sexa do 92,38%.
En audiencias a TDT tamén está en horas baixar, con apenas o 22% da audiencia, o que podería indicar que a recepción da televisión dixital non sempre é cómoda nin satisfactoria, pois hai que lembrar que ante problemas de recepción hai canles que practicamente son imposibles de seguir, mentres que coas transmisións analóxicas a mala recepción traducíase nunha mala imaxe pero non na perda da recepción, polo que a TDT aínda é vista con certo medo, especialmente ao coñecer a súa vulnerabilidade ás inclemencias meteorolóxicas.