Retro-Bit anuncia cartuchos multi-xogo para consolas NES e SNES

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Estamos a vivir un grande momento para os amantes dos videoxogos retro, en boa medida grazas á edición das versións mini da NES e a Super Nintendo, e para aproveitar a situación hai compañías que ousan a comercializar produtos destinados a este nicho de público cada vez máis visible, como a nova tolería de Retro-Bit, compañía que quere satisfacer a coleccionistas de videoxogos clásicos aliándose con Data East e Jaleco para lanzar unha colección de xogos en cartucho e con licenza oficial.
Estes produtos sairán á venda en decembro, para chegar a tempo para o Nadal, e no caso dos cartuchos multi-xogo de Super Nintendo terán un prezo de 34,99 dólares, mentres que os da NES venderanse a 29,99 dólares, incluíndo todos funda protectora, chapas, adhesivos e manuais de instrucións a toda cor.
Os catro cartuchos que RetroBit porá á venda serán os seguintes:
- Data East All-Star Collection (NES): cos xogos Ring King, Bad Dudes, Side Pocket, BurgerTime e Buggy Popper.
- Data East Classic Collection (SNES): cos xogos Fighter’s History, Fighter’s History Mizoguchi, Magical Drop, Magical Drop 2 e Super Side Pocket
- Data East Joe & Mac: Ultimate Caveman Collection (SNES): cos xogos Joe & Mac, Congo’s Caper e Joe & Mac 2: Lost in the Tropics
- Jaleco Brawler’s Pack (SNES): cos xogos Rival Turf, Brawl Brothers, The Peace Keepers e Tuff E Nuff.
Temos aquí unha excelente oportunidade para conseguir xogos clásicos para consolas clásicas a un prezo asumible, xa que os cartuchos inclúen varios xogos polo prezo que normalmente tería un único título.

A colección de multi-cartuchos de Retro-Bit está composta por 1 cartucho para a Nintendo orixinal e 3 para Super Nintendo