RoboCop: Rogue City, Grounded 2 e Faming Simulator 25 estarán en Game Pass

martes, 15 de xullo do 2025 Redacción

O catálogo de Xbox Game Pass amplíase este mes con propostas moi diversas, que van desde a acción trepidante ata a supervivencia creativa, pasando pola sátira cósmica ou a vida no campo. A variedade de títulos dispoñibles promete satisfacer a todo tipo de xogadores, tanto se prefiren xogos en solitario como experiencias cooperativas.
A primeira gran novidade é o regreso de High On Life, xa dispoñible para os subscritores das distintas modalidades do servizo. Neste shooter cómico e irreverente, a humanidade está en perigo debido a un cartel alieníxena que pretende usala como droga. O xogador terá que facer fronte á ameaza xunto a un elenco de armas parlantes tan carismáticas como imprevisibles para enfrontarse ao líder Garmantuous e salvar o planeta.
A partir do 17 de xullo, comezan a chegar novas incorporacións. Ese día únese ao catálogo RoboCop: Rogue City, un reputado shooter en primeira persoa que permite meterse na pel do mítico ciberpolicía para combater o crime en Old Detroit. A mesma xornada estará dispoñible tamén My Friendly Neighborhood, unha proposta de terror e misterio ambientada nunha versión corrompida dun programa infantil protagonizado por monicreques. O xogador interpretará a un reparador chamado Gordon, enviado a descubrir que está a fallar nun estudio de televisión onde todo se volveu sinistramente estraño.
O 18 de xullo será a quenda de Back to the Dawn, un xogo de rol centrado nunha fuga dunha prisión de máxima seguridade, onde cada personaxe ten un pasado oculto e unha axenda propia. O obxectivo é sobrevivir, investigar e escapar antes de que se esgote o tempo. Uns días despois, o 22, chegará Abiotic Factor, unha experiencia de supervivencia e elaboración cooperativa ambientada nunha base científica subterránea en plena crise interdimensional. Está pensado para un máximo de seis xogadores que deberán colaborar para sobrevivir entre perigos paranormais e unha ofensiva militar.
O día 23 presentarase Wheel World, unha aventura de mundo aberto protagonizada por Kat, unha moza ciclista que debe salvar o seu mundo pedaleando entre paisaxes fermosas, carreiras esixentes e segredos agochados. O 24 será a quenda de Wuchang: Fallen Feathers, un xogo de rol de acción ao estilo Souls ambientado nos derradeiros días da dinastía Ming, cunha protagonista que loita contra o esquecemento e unha maldición mentres perfecciona as súas habilidades de combate.
Para rematar o mes, o día 29 estará dispoñible en acceso anticipado Grounded 2, a secuela do popular xogo de supervivencia en miniatura. Desta volta, o parque é aínda máis grande, con novas monturas insecto, desafíos e misterios por descubrir. E xa en agosto, o día 1 chega Farming Simulator 25, que propón construír unha granxa propia en paisaxes rurais inspiradas en América do Norte, Europa Central ou Asia Oriental. A experiencia é personalizable e admite xogo cooperativo, permitindo cultivar, criar gando ou explorar un entorno natural co tempo e ao ritmo que se desexe.
Ademais dos xogos, os subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass tamén poderán gozar de beneficios adicionais a partir do 30 de xullo. En Fragpunk, desbloquearán todos os Lancers actuais e un paquete de armas con efectos especiais que se renovará cada catro meses. Por outra banda, Asphalt Legends Unite ofrecerá un agasallo exclusivo composto por un coche especial, varios sobres de cartas e medio millón de créditos para mellorar os vehículos.