Rocket League chegará a Nintendo Switch o 14 de novembro

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

En 2015 o xogo Rocket League convertéuse en todo un fenómeno coa súa orixinal proposta na que teriamos unha especie de partido de fútbol de coches con propulsores (de aí que algúns o definan como «o xogo dos futcoches») que conseguiu atraer a moitos usuarios grazas especialmente á súa estrea dentro do programa PlayStation Plus, de xeito que os usuarios que pagan por xogar en liña coa PS4 puideron facerse co xogo sen custo adicional, sentando uns sólidos alicerces que facilitaron que o xogo chegase despois a Xbox One, MacOS e Linux, plataformas nas que non parará, xa que os seus desenvolvedores veñen de confirmar que o vindeiro 14 de novembro Rocket League chegará a Nintendo Switch.
O xogo poderase adquirir en formato descargable a un prezo de 19,99 dólares (ou equivalente rexional) e incluirá todos os modos de xogo, incluíndo o multi-xogador local sen fíos, aínda que tamén cómpre salientar que a edición de Switch contará con tres vehículos exclusivos inspirados en Mario, Luigi e Samus Aran.
Rocket League para Nintendo Switch non só terá todas as características do resto de versións do xogo, senón que incluso contará con xogo cruzado con PC e Xbox One, o que garante que esteamos ante unha versión completa deste título.

Vídeo no que os desenvolvedores de Rocket League dan detalles sobre a nova versión para Nintendo Switch

PUBLICIDADE