Román Rodríguez visita o fabricante do novo ordenador cuántico do CESGA

xoves, 5 de marzo do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou este xoves en Helsinki a empresa IQM Quantum Computers, unha das compañías de referencia mundial no desenvolvemento de procesadores cuánticos e responsable da fabricación do novo ordenador cuántico destinado ao CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). A visita forma parte dunha viaxe institucional orientada a impulsar novas colaboracións internacionais no ámbito das tecnoloxías profundas, consideradas estratéxicas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Durante a estancia en Finlandia, o titular de Ciencia da Xunta estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e polo director científico do CESGA, Lois Orosa. A delegación galega coñeceu de primeira man o funcionamento da compañía, fundada en 2018 como spin-off da Universidade Aalto e do centro de investigación VTT, así como o proceso de fabricación do que será o segundo ordenador cuántico do centro galego, tras o sistema QMIO que xa está en servizo.
A nova infraestrutura foi adxudicada en decembro á compañía Telefónica por un importe de 9 millóns de euros e contará cunha capacidade de 54 cúbits. O equipamento instalarase no novo edificio do CESGA que se constrúe no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, nun proxecto executado pola unión temporal de empresas Copasa-Dominion cun investimento de 13 millóns de euros.
O obxectivo desta ampliación é reforzar as capacidades científicas do centro e consolidar Galicia como un actor relevante na carreira internacional pola computación cuántica e a supercomputación. Neste contexto, esta mesma semana tamén se adxudicou por 25 millóns de euros o futuro supercomputador do CESGA e o seu sistema de almacenamento de datos á empresa Fsas Technologies, división global de Fujitsu.
En conxunto, estas actuacións forman parte dun investimento total de 56 millóns de euros, o maior realizado na historia do centro, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do PERTE Chip e con achegas propias da Xunta de Galicia.
Durante a visita, Román Rodríguez destacou a relevancia de coñecer modelos científicos internacionais e establecer vínculos con entidades que ocupan unha posición destacada no ámbito da computación cuántica. Segundo sinalou, estas colaboracións contribúen a reforzar o posicionamento internacional de Galicia no sur de Europa e permiten poñer en valor o potencial transformador destas tecnoloxías para o tecido produtivo galego.
A delegación galega foi recibida nas instalacións de IQM polo director executivo da compañía, Jan Goetz, polo director xeral e cofundador Juha Vartiainen, pola directora comercial Sylwia Barthel, polo responsable de produto Hermanni Heimonen e polo responsable de operacións para España, Portugal e Latinoamérica, David Rodríguez.
A axenda de traballo en Finlandia inclúe tamén un encontro co embaixador de España no país, Manuel Montobbio, así como unha visita ás instalacións de Bluefors, empresa especializada en sistemas crioxénicos que permiten traballar a temperaturas extremadamente baixas e que resultan esenciais para a investigación en tecnoloxías cuánticas. A compañía fornece este tipo de equipamentos a numerosos laboratorios e proxectos científicos en todo o mundo.
A viaxe complétase cunha visita ao Helsinki Upper Secondary School of Languages, dentro dun programa de dous días destinado a coñecer iniciativas científicas, tecnolóxicas e educativas no país nórdico.