Rueda anuncia a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello acordou iniciar hoxe os trámites para pór en marcha a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, coa que se prevé mobilizar máis de 400 millóns de euros. A iniciativa busca reforzar a competitividade do tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade.
Segundo explicou Rueda, a medida inscríbese na aposta do Goberno galego por impulsar a innovación nas empresas. «Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día», subliñou.
O presidente avanzou que a intención é aprobar a estratexia «no primeiro semestre de 2026». Con carácter previo, tal e como detallou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, celebraranse encontros cos axentes sociais e coas entidades do sector para recoller achegas que permitan consolidar Galicia como unha fábrica de innovación capaz de transformar talento e coñecemento en solucións con impacto real na economía e na sociedade.
O propósito final é converter a innovación nunha práctica cotiá do tecido empresarial galego, afastada de modas ou excepcións. Para iso, a Xunta promoverá a implicación de empresas, centros de coñecemento, clústeres e administracións. «Queremos que se innove máis, se innove mellor e que iso se traduza nunha competitividade sostible e en emprego de calidade», indicou Lorenzana.
Entre os obxectivos figura reforzar a cooperación público-privada e incorporar as pemes aos procesos de transformación nun contexto cada vez máis competitivo e globalizado. A estratexia terá unha atención especial ás pemes, ao considerar que, no escenario actual, a maioría das que non innoven corren o risco de desaparecer.
A folla de ruta 2026-2028 mobilizará «máis de 400 millóns de euros de fondos propios, cun incremento próximo ao 60 % respecto do escenario previo», segundo precisou a conselleira. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar procesos de innovación e dotar ás empresas de alta tecnoloxía baseada na intelixencia artificial.
Rueda explicou que a estratexia aspira a «incrementar nun 25 % o número de empresas que innovan en Galicia», actualmente máis de 1.750 segundo os últimos datos, así como a elevar o gasto privado ata os 1.500 millóns de euros. Tamén se pretende atraer, reter e mobilizar talento cualificado e fortalecer redes de apoio que acompañen ás empresas.

Antecedentes: a Área de Innovación Empresarial

A Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia chega tras a creación, en 2024, da Área de Innovación Empresarial no seo da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, co obxectivo de impulsar a innovación como panca esencial da competitividade empresarial.
O Goberno galego considera que a innovación só se consolida cando se traduce en maior produtividade, sustentabilidade, capacidade exportadora e emprego. Por iso, facilitar financiamento ás empresas innovadoras, fomentar a autonomía tecnolóxica, pór a disposición instrumentos públicos e redes de apoio ou atraer e mobilizar talento figuran entre os eixos da estratexia, cuxo borrador deberá estar listo no primeiro trimestre de 2026.

Catro eixes: retos, estruturación, financiamento e transversalidade

A Estratexia artellarase arredor de catro grandes eixes (Retos empresa innovadora, Estruturación, Financiamento e Transversalidade), que incorporarán diferentes modalidades de apoio. No primeiro destacan dous programas: Industria Innova e IA360. O Consello acordou destinar «40 millóns de euros» a estas dúas liñas para «impulsar proxectos de investigación industrial ou implantar ferramentas de intelixencia artificial».
Industria Innova, con 30 millóns de euros, apoiará proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en procesos e organización nas empresas galegas. Pola súa banda, IA360 (10 millóns de euros) centrarase na industria, con prioridade para proxectos ligados aos sectores estratéxicos de Galicia, e contará con dúas modalidades de axuda: unha para o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial e outra para a implantación e aplicación de servizos e solucións comerciais baseadas nesta tecnoloxía.
En 2024, o gasto en innovación empresarial en Galicia acadou os 1.073,6 millóns de euros, cun crecemento anual do 30,4 %, o que supón 17 puntos máis que a media estatal (13 %). Segundo destacou Lorenzana, Galicia «é a cuarta comunidade onde máis aumentou o investimento», uns datos que reflicten o esforzo por incorporar a innovación como panca de crecemento nos procesos produtivos.
Tras o acordo do Consello para iniciar a tramitación da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, está previsto desenvolver un calendario de reunións que inclúe encontros co Diálogo Social, a constitución dunha Mesa Empresa Innovación e a recollida de achegas de entidades e axentes do ámbito da innovación.