SEGA Forever ofrece de balde para móbiles os clásicos de SEGA

mércores, 21 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O editor de xogos SEGA leva tempo ofrecéndonos moitos dos seus clásicos de Master System, MegaDrive e Dreamcast adaptados para dispositivos móbiles con iOS ou Android, e hoxe deu un paso bastante sorprendente, xa que lanzou SEGA Forever, unha nova iniciativa a través da que estes xogos ofreceranse de balde con publicidade (aínda que coa posibilidade de realizar un pagamento dentro da aplicación para eliminala), comezando por Sonic The Hedgehog, Altered Beast, Phantasy Star II, Kid Chameleon e Comix Zone, aos que en breve unirase o célebre Virtua Tennis Challenge.
Os xogos de SEGA Forever permitirán gravar os nosos progresos, competir con outros xogadores de todo o mundo a través de marcadores globais, serán compatibles con mandos externos, funcionarán fóra de liña e contarán con novas incorporacións cada mes.
Lembremos que hai menos dun mes SEGA tamén relanzou o xogo Crazy Taxi para móbiles, adoptando a fórmula do free-to-play, dando a impresión de que esta é a senda que seguirán todos os xogos móbiles da compañía, ante a dificultade de vender xogos móbiles do xeito tradicional.

Vídeo no que se anuncia o lanzamento de SEGA Forever