SIVSA medra no continente americano coa súa expansión en Panamá

luns, 20 de maio do 2024 S. P.

Adrián Alonso, CEO de SIVSA na sede da compañía en Vigo

A empresa tecnolóxica viguesa SIVSA segue pola senda do crecemento e do espallamento no continente americano, concretamente no sector sanitario, a cuxo proceso de transformación tecnolóxica leva contribuíndo dende hai anos. Desta volta, a firma TIC marcou un novo fito na súa aventura en Latinoamérica coa implantación do seu software de xestión e información hospitalaria HOSIX en 14 clínicas e o hospital de MiniMed, a rede de saúde privada máis grande de Panamá.
Segundo explica SIVSA, trátase do primeiro proxecto da tecnolóxica galega no país, que xa conta cun forte posicionamento no Perú, onde preto de unha vintena de centros sanitarios públicos e privados xestionan toda a información e procesos administrativos con esta avanzada solución tecnolóxica.
Os traballos de implantación de HOSIX completáronse xa no recentemente inaugurado Hospital MiniMed, que abriu as súas portas a principios do mes de febreiro con categoría de nivel 3 de atención, e que brinda servizos de alta especialización e complexidade.
Durante os próximos meses e de forma progresiva ao longo deste ano, SIVSA continuará a posta en marcha de HOSIX nas 12 clínicas de atención primaria que a franquía sanitaria posúe na cidade de Panamá, así como nas outras dúas coas que conta no país, unha en Chorrera e outra en Colón, capital da provincia do mesmo nome.
A instalación da solución tecnolóxica de SIVSA permitirá a MiniMed centralizar nunha única ferramenta a xestión de todos os procesos hospitalarios e administrativos das súas 14 clínicas e hospital (farmacia, administración, urxencias, citas, facturación…), así como integrar nunha historia clínica única a información de cada paciente para dispoñer de toda a información, cando sexa preciso e indistintamente da clínica na que sexa atendido. Isto, explicaron fontes da empresa galega, “permitirá axilizar os trámites administrativos e os tempos de espera, reducir os erros humanos derivados de procesos manuais ou en papel, así como aforrar custos grazas á automatización de procesos”. Tamén “optimizar os procesos e os fluxos de traballo, logrando unha maior operatividade e eficacia no traballo diario e os máximos niveis de atención e calidade asistencial que MiniMed busca no seu servizo de saúde desde que abrise a súa primeira franquía no país hai 12 anos”.
A solución tecnolóxica de SIVSA permite a conexión con sistemas HIS (Hospital Information System) de terceiros, tanto públicos como privados, a través dos protocolos de comunicación máis modernos como é o FHIR (Fast Healthcare Interoperatibity Resources), o estándar desenvolvido e promovido por HL7 Internacional (Health Level Seven), unha das máis prestixiosas organizacións de informática médica a nivel mundial. “Isto fai posíbel a creación dunha Historia Clínica Electrónica Única, que recolle toda a información do paciente, con independencia do lugar onde fose atendido: desde probas de laboratorio e raios X a diagnósticos ou prescrición de medicamentos”, apuntaron fontes de SIVSA, engadindo que a integración de HOSIX en toda a rede de clínicas Minimed “suporá a unificación de toda a información clínica nun único repositorio, o que achegará aos profesionais sanitarios unha maior seguridade e comodidade no seu traballo ao dispoñer de todos os antecedentes dos pacientes e contar con acceso total á súa información clínica a través do portal de paciente”.
A implantación de HOSIX na rede sanitaria de Minimed completarase, ademais, nunha segunda fase do proxecto, co sistema integral de telemedicina de SIVSA, o que a converterá na primeira compañía de Centroamérica en ofrecer servizos de hospital virtual, de atención primaria a domicilio e de atención médica a través do móbil.
Así, Minimed estará en disposición de realizar probas diagnósticas a distancia, visualizalas online ou gravalas na historia clínica do paciente, ademais de prestar atención sanitaria mediante videochamada, o que lle permitirá expandirse e dimensionar os seus servizos de saúde sen necesidade de incrementar a súa estrutura hospitalaria e mellorando a súa eficiencia de custos.
Ademais da implementación do HIS de HOSIX, o proxecto contempla tamén a integración dos módulos relativos ao Sistema de Xestión de Imaxes ou de información radiolóxica (polas súas siglas en inglés, Radiology Information System, RIS), do arquivo e comunicación de imaxes (PACs) e de LIS (Laboratorios).
Os sistemas RIS e PACS, cada vez máis necesarios nos servizos de radioloxía modernos, supoñen a informatización de toda a información radiolóxica dos pacientes de MiniMed e o seu almacenamento para calquera consulta. Desde o proceso de citación, a petición de probas, os estudos informados do radiólogo ata o informe de resultados final, facendo posíbel tamén a identificación de todos os profesionais que interveñen nas probas diagnósticas.
Pola súa banda, o módulo de laboratorio de HOSIX permite xestionar de forma completa este servizo, desde a configuración, petición ou control de probas ata a xeración de estatísticas ou resultados, mediante un sistema de regras intelixentes totalmente definíbeis polo usuario e para calquera nivel de actuación.
“A implantación de HOSIX nas clínicas e o hospital de MiniMed supón un avance no plan de expansión internacional de SIVSA, que xa conta con presenza en máis de 100 hospitais de 6 países”, conclúen dende a empresa galega.