SOGAMA fortalece con drons o seu servizo de vixilancia industrial en Cerceda

xoves, 29 de xullo do 2021 S. P.

SOGAMA vén de reforzar o seu servizo de vixilancia industrial nas instalacións de Cerceda (no complexo ambiental e no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa) con vehículos aéreos non tripulados. O obxectivo é gañar en efectividade e eficiencia grazas ao uso de drons e os recursos de supervisión e monitoraxe que estes poñen en xogo, como as cámaras térmicas de alta definición (coas que os técnicos poderán levar a cabo labores específicos e pormenorizados de vídeo-vixilancia ou control perimetral).
Segundo informan fontes de SOGAMA, o conxunto de cámara térmica infravermella/RGB constitúe “unha solución segura, integral e fácil de utilizar”. En termos máis concretos, operaría do seguinte xeito:e mentres que a cámara de infravermellos mide a temperatura na imaxe, a cámara RGB, cunha sensibilidade á luz vinte veces superior á do ollo humano, toma imaxes de moi alta calidade, mesmo en condicións de baixa iluminación. Ambas imaxes transmítense de xeito simultáneo á estación de control e poden ser vistas superpostas ou por separado.
Estas cámaras específicas permiten levar a cabo labores correctivos e preventivos nas distintas instalacións, xa que teñen capacidade para chegar a lugares de difícil acceso desde terra, como é o caso das cubertas das distintas naves, ou realizar a supervisión do correcto funcionamento dos sistemas de depuración e a extracción de gas metano no vertedoiro de Areosa.
Os drons poden ser utilizados manualmente ou ben a través de sistemas de posicionamento GPS, realizando roteiros autónomos programados, o que permite que o dron regrese á súa posición de forma automática. As imaxes quedan gravadas, podendo ser visualizadas a posteriori para a súa análise. “Desta forma”, explica SOGAMA, “permítese definir se o circuíto programado realizouse correctamente e que áreas é necesario volver a rexistrar”.
Toda a operativa lévase a cabo baixo a autorización e supervisión da AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea).

PUBLICIDADE