Sadness: Nintendo aposta polo terror

mércores, 2 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A consola Wii foi cualificada hai uns días como a consola gai por excelencia. Os motivos? Pois, aparte do seu deseño tan (e tan) coidado, unha das grandes razóns deste nomeamento baseouse nos personaxes e nos argumentos que adoitan a aparecer ligados a ela e á casa creadora (Nintendo), case nunca realmente violentos nin bélicos e sempre apostando pola diversión no seu estado máis puro. Pois ben, semella que a Mario Bros o peto se lle foi escurecendo co paso dos anos e (iso si: sen deixar de ser unha icona gai) non sería de estrañar que en breve apostase polo coiro, porque Nintendo está a dar serios avisos de que se quere poñer seria. Un exemplo diso é o xogo Sadness, que, polo que xa puidemos saber do seu argumento, non trata precisamente de temáticas que axuden a durmir.
Así, na súa web oficial xa podemos atopar a intrigante mensaxe “Para maiores de 21 anos”, o que nos fai pensar na procura por parte de Nintendo de novas franxas de mercado. E tamén, de estratexias de marketing que beben directamente das fontes que alimentan a nosa curiosidade. É dicir, todo o mundo querería saber a onde pode levar un camiño que nos sae ó paso co seguinte cartaz: “Siga, pero baixo seu propio risco”.
E é que Sadness (desenvolvido por Nibris) é un xogo de medo, polo visto moi ligado a argumentos que no cinema reciben a etiqueta de “thrillers psicolóxicos”, na liña de filmes como Seven, O silencio dos cordeiros ou Insomnio, pero cunha pequena gran diferenza: en Sadness hai (como se indica no título) tristura e monstros. Até 18 especies diferentes de bechos, que xurdirán perante nosa dependendo da ruta que elixamos e ós que (como non!) non nos quedará máis remedio que enfrontarnos de cara, por moito que devezamos por unha excursión tranquila e sen máis incidencia que o de ter que afastar as formigas da merenda. O xogo conta con banda sonora propia, orquestrada, e coa concorrencia de actores profesionais na dobraxe das voces dos personaxes.
En YouTube está pendurado un interesante vídeo promocional.

PUBLICIDADE