Sae á venda Battlefield V

martes, 20 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Despois dos grandes lanzamentos da tempada, que aparte dos Call of Duty e FIFA de rigor incluíu estes ano a un título (Red Dead Redemption 2) que estragou a planificación de moitos outros xogos que quedaron sen espazo no calendario, faltaba un grande por ver a luz, e finalmente Battlefield V está aquí, con versións para PC (Origin), Xbox One e PlayStation 4, e coa dificultade de conseguir visibilidade nunha semana centrada nas ofertas do Black Friday.
Battlefield V convídanos a visitar numerosos momentos descoñecidos da II Guerra Mundial, achegando historias inéditas neste tipo de xogos, pero igualmente cruciais no desenlace do grande enfrontamento bélico. Temos así unha campaña bastante rica para un xogo deste tipo, que continúa centrado no multixogador, permitindo partidas de ata 64 xogadores. Precisamente no multixogador destaca por ofrecer a posibilidade de participar en Grandes operacións, un modo de xogo de partidas de catro días entre dous equipos, no que as operacións de cada xornada terán consecuencias nas seguintes.
En Battlefield V tamén temos unha experiencia máis completa á hora de progresar e personalizar a nosa compañía, de xeito que iremos evolucionando e gañando reputación, así como un control de armas mellorado, que xunto aos 8 modos de xogo dispoñibles nos seus 8 mapas converten a esta entrega na máis completa da franquía, e que o mes que vén comezará a recibir novos contidos entre os que non falará un modo de battle royale.

Tráiler de lanzamento de Battlefield V