Sae á venda Pro Evolution Soccer 2019

xoves, 30 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Pese a que EA Sports teña dominado o sector dos videoxogos de fútbol sobradamente, dende Konami non tiran a toalla, e hoxe lanzan Pro Evolution Soccer 2019 para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam), a un prezo que parte dos 59,99 euros en consola e dos 49,99 euros en ordenadores persoais.
Aínda que o PES 2019 conta con cada vez menos licenzas oficiais (en España só contan coas licenzas do F.C. Barcelona e do Valencia Club de Fútbol, de xeito que o resto de equipos fa Liga figuran con nomes ficticios) para poder ofrecer unha experiencia digna dun xogo deste nivel, onde si se esforzan cada vez máis é na aparencia gráfica desta produción, que ofrece un grande fotorealismo e unha recreación moi precisa de numerosos xogadores, o que agradecerán moitos seareiros desta franquía. Nos equipos compatibles o xogo tamén presenta gráficos 4K con HDR.
A nivel de xogabilidade PES 2019 tamén mellora, buscando reproducir unha experiencia de xogos máis realista, con regates cun maior control da posesión, blindaxes relacionados coa protección do balón e moitos outros movementos que con Real Touch+ reproduce a imprevisibilidade do movemento do balón ao tocar as distintas partes do corpo.
PES 2019 estrea modo cooperativo dedicado ao xogo 2 contra 2 e 3 contra 3; incorpóranse novos modos; os menús estrean interface; e estréase o modo PES League.

Tráiler de lanzamento de Pro Evolution Soccer 2019

PUBLICIDADE