Sae á venda a Xbox One X
martes, 7 de novembro do 2017
Rematou a espera, e a nova
consola de Microsoft chegou hoxe ás tendas, a Xbox One X, a que sen dúbida
é a consola de videoxogos máis potente do mercado, que supón para moitos o
inicio da era dos xogos en ultra alta definición (xa que a PlayStation 4 Pro non
ten potencia dabondo para poder correr os 4K de xeito nativo de xeito xeral), o
que terá un impacto bastante importante na industria, xa que nos vindeiros
meses cando vexamos imaxes de xogos multiplataforma o máis habitual é que sexa
a Xbox One X a máquina de referencia, por ofrecer un nivel de detalle sen
precedentes nunha máquina dun prezo tan axustado (sae á venda a 499,99 euros,
cando para conseguir un resultado semellante nun PC habería que gastar
facilmente máis do dobre).
Aínda que é de esperar que os xogos futuros cheguen optimizados para Xbox One
X, durante esta mesma semana teremos máis de 70 xogos anteriores optimizados
para a nova máquina, de xeito que haberá actualizacións descargables para os
mesmos que mellorarán os seus detalles gráficos no que nalgún caso parecerá
case unha remasterización, pero en a
necesidade de volver pasar por caixa para facerse coa versión mellorada.
Un detalle moi importante da Xbox One X é que é totalmente compatible con Xbox
One e conta cunha crecente retrocompatibilidade con Xbox 360 e a Xbox orixinal,
de xeito que sería a primeira consola de videoxogos con tal nivel de
retrocompatibilidade, facendo que o seu catálogo de xogos sexa realmente
inmenso.
Microsoft leva semanas presumindo do bo nivel de reservas que ten a Xbox One X,
confiando en que a súa demanda sexa moi elevada de cara ao Nadal, polo que
animan aos entusiastas a facerse coa nova consola antes de que sexa difícil de
conseguir, algo que en España non debería acontecer, a que a plataforma de
Microsoft non ten unha demanda moi elevada, pero en mercados como o
norteamericano, onde a Xbox 360 foi un fenómeno de grande éxito, é moi probable
que algúns xogadores reticentes a facerse coa Xbox One opten agora a mercar
unha Xbox One X ao deixar claro que é a consola de referencia para a ultra alta
definición (e inclúe lector de Blu-ray 4K, algo do que carece a PS4 Pro).
A Xbox One X ten bazas moi interesantes, como os xogos exclusivos da plataforma
Xbox (con franquías de peso como Halo,
Gears of War ou Forza Motorsport), o programa Xbox Play Anywhere (que permite
mercar en dixital xogos de Microsoft de xeito que poden usarse tanto en Xbox
One como en PC) e a posibilidade de acceder a EA Access e o máis novo servizo Xbox Game
Pass, que un impresionante reclamo, a que por 9,99 euros/mes permite
acceder a máis dun cento de xogos, no que podería considerarse como o Netflix
dos videoxogos.