Sae á venda a Xbox Series S de 1 TB

venres, 1 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que a Xbox Series S sexa popular polo seu prezo axustado (custa oficialmente 299,99 euros, estando dispoñible tamén reacondicionada por 249,99 euros), o feito de que non inclúa lector de discos e o seu almacenamento interno estea limitado a 512 GB pode ser un problema para moitos, e para atender á demanda de maior capacidade de almacenamento sae á venda un novo modelo da Xbox Series S con 1 TB de almacenamento SSD e carcasa en cor negra a un prezo recomendado de 349,99 euros.
Microsoft aproveita este lanzamento para lembrar que o vindeiro 14 de setembro o servizo Xbox Live Gold transformarase en Xbox Game Pass Core, de xeito que mantén a posibilidade de xogar en liña, pero en vez de ofrecer xogos mensuais (bastante irrelevantes) para incorporar á colección do xogador, achega un catálogo de máis de 25 xogos de alta calidade (como Forza Horizon 4, Grounded ou Among Us).