Sae á venda un novo Garfield Kart

xoves, 7 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Non son poucos os xogos de carreiras que adoptan mecánicas arcade moi na liña do clásico Mario Kart, con maior ou menor fortuna, e un dos títulos que quixo probar sorte en 2013 con versións para PC, Nintendo 3DS, iOS e Android aproveitando a imaxe do gato Garfield está agora de volta, Garfield Kart: Furious Racing, título que chega con versións para PC/Mac, PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch, a un prezo de 29,99 euros para consolas, e de só 14,99 euros para a versión de Steam (que chega con desconto para quen xa tivese a primeira entrega, que actualmente está moi rebaixada, sendo posible facerse con ambos xogos simultaneamente por só 11,98 euros).
Este xogo de carreiras permítenos competir empregando a 8 personaxes creados por Jim Davis (Garfield, Odie, Jon, Nermal, Arlene, Liz, Harry e Squeak), acepta xogo en liña con até 8 xogadores, permite até a 4 xogadores competir en local a pantalla partida, ten 16 circuítos inspirados no universo de Garfield e tamén conta con bonos de ataque e defensa que permitirán dar xiros radicais ás carreiras.
Un título sen grandes pretensións, que ofrece diversión directa co atractivo de presentar a personaxes dunha franquía moi querida polo público.

Xogar en local a pantalla partida é un dos grandes atractivos de Garfield Kart: Furious Racing

PUBLICIDADE