Sae á venta a última aventura gráfica de Friendware, Overclocked

mércores, 22 de outubro do 2008 Raquel Noya

A firma de videoxogos para PC, Friendware, vén de presentar Overclocked, a súa última aventura gráfica na que os xogadores lle dan vida a David McNamara, un antigo psicólogo do exército americano que é contratado para resolver un estraño caso sucedido na cidade de Nova York.
En novembro de 2007, cinco mozos foron atopados deambulando polas rúas; están desorientados, alterados, berran e sofren amnesia.
Empregando coidadosos e meticulosos interrogatorios, o xogador, no papel de McNamara, deberá comezar a investigar o sucedido e dar coa resposta ao que pasou por aquel entón.Trátase dunha aventura clásica cunha xogabilidade innovadora que sorprende polo seu deseño e soberbios gráficos en 3D e que inclúe efectos atmosféricos e efectos de luz.
O xogo está dobrado ao castelán e permite explorar ata 45 contornas ao detalle así como meterse na pel dos seis personaxes xogables.
Os requisitos mínimos que se precisan para xogar a Overclocked cunha calidade aceptable son: Windows 2000/XP/Vista, procesador 1,3 GHz, tarxeta gráfica que soporte ShaderModel 1.1, 1,5 GB de espazo libre no disco duro, 512 MB RAM, tarxeta de son e unidade lectora de DVD-ROM.

PUBLICIDADE