Saen á venda Shenmue I & II para PS4, Xbox One e PC

martes, 21 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Dentro de aproximadamente un ano sairá á venda o agardado xogo Shenmue III, e para aproveitar a recuperación da saga hoxe sae á venda para Xbox One, PlayStation 4 e PC a versión renovada das súas primeiras entregas, Shenmue I & II, que por primeira vez pódense gozar en consolas da actual xeración.
Estes xogos de SEGA publicáranse orixinalmente para Dreamcast en 2000 e 2001 como unha aventura de acción de mundo aberto que combinaba combates de jujitsu, investigación, rol e minixogos, o que era todo un logro dadas as limitacións técnicas da época (especialmente por contar cun mundo persistente con ciclos de día e noite). Tamén foi o xogo que popularizou o termo Quick Time Event (que define unha mecánica de xogo que consiste en premer unha secuencia de botóns no tempo oportuno para superar un reto).
A historia de Shenmue está protagonizada por Ryo Hazuki, sumido nunha investigación para vingar a morte do seu pai, e que pensárase como triloxía, pero a intención veuse frustrada por mor do elevadísimo custo destas entregas, que non conseguiu retorno económico e, de feito, Shenmue II foi un rotundo fracaso pese a que hai quen o considera un dos mellores xogos da historia.
Esta revisión e a súa posterior secuela permitiranos saber se realmente estamos ante unha obra á altura da súa sona, ou se realmente a nostalxia maquillou un produto que foi abandonado xustificadamente.