Samsung estrea no seu país o spot rodado no consistorio de Lalín

xoves, 23 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Anunciámolo en abril: Samsung tiña programado rodar en Lalín un spot publicitario de seu, tendo como fío condutor a promoción dun televisor de última xeración. A peza audiovisual, ademais, contaría cun sobranceiro pano de fondo: o interior do consistorio lalinense, a referencia obra dos arquitectos Mansilla e Tuñón. Finalmente a rodaxe foi adiante e onte mesmo, o Concello deu a coñecer a estrea do spot por parte da multinacional coreana. O Goberno local tamén fixo saber que o anuncio foi incorporado aos arquivos mundiais da entidade para ser emitido a nivel internacional en datas vindeiras. Como resultado, engade o Concello, “Lalín darase a coñecer en todo o mundo”.
A peza, que dura uns 20 segundos, constitúe en palabras do concelleiro Francisco Vilariño “unha carta de presentación única do noso concello”, ao tempo que servirá “para poñer en valor o consistorio como un dos maiores recursos de Lalín para atraer visitantes”.
Vilariño tamén fixo saber que a estrea levouse a cabo tendo como marco inicial o mercado de Corea do Sur, o mercado natural da compañía, e que máis adiante dará o chimpo ao ámbito internacional. O edil mostrou a súa satisfacción polo resultado do traballo desenvolvido no Castro Tecnolóxico deseñado polos prestixiosos arquitectos Mansilla e Tuñón, un senlleiro emprazamento arquitectónico e urbanístico que finalmente logrou impoñerse a outras contornas potencialmente candidatas, como Xapón ou Brasil.
O spot, nun plano máis concreto, xira en torno á escaleira helicoidal do consistorio, unha estrutura curva que dá a volta ao mundo acompañada da música orixinal do compositor Víctor Reyes. Vilariño salientou “a mestura de arquitectura, música e tecnoloxía” que propón o vídeo, dando como resultado “unha nova perspectiva artística onde o elemento arquitectónico harmoniza cos sons, encaixando á perfección as curvas da escaleira coas do produto e conformando una pureza de liñas e imaxes que sorprende ao espectador”.

Novo anuncio de Samsung

PUBLICIDADE