Samsung regala móbiles Galaxy Note8 aos pasaxeiros dun voo que chegou á Coruña esta mañá

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os preto de dous centos de pasaxeiros do voo IB514 con destino A Coruña recibiron unha grata sorpresa, xa que puideron beneficiarse da campaña Benvido a bordo Galaxy Note8 emprendida por Iberia e Samsung, de xeito que recibiron o último smartphone de alta gama da compañía surcoreana: o Samsung Galaxy Note8.
Os pasaxeiros colleron o voo ás 7:30 horas en Madrid, nunha aeronave personalizada con mensaxes da campaña promocional, aínda que non foi até a conclusión da engalaxe cando o comandante dirixiuse aos pasaxeiros para confirmarlles que eran os protagonistas desta acción especial conducida polo vicepresidente corporativo de Samsung España, Celestino García, quen explicou que este xesto buscaba agradecer o apoio e a confianza que os consumidores deron a Samsung nos últimos meses.
A campaña xa beneficiou a usuarios da ponte aérea entre Madrid e Barcelona e con voos a Bilbao, Granada e Xerez, completándose coa viaxe a Galicia.
Lembremos que o Note8 é o smartphone máis completo que existe actualmente no mercado, pero chegou ás tendas co reto de ter que facer esquecer o acontecido con seu predecesor, o Samsung Galaxy Note7, que tiña problemas coa batería que fixo que nin sequera chegase a venderse oficialmente en España, o que non impediu que daquela volta as aeroliñas tivesen un comportamento bastante absurdo, confundindo aos consumidores indicando en todos os voos a prohibición de viaxar en cabina cun Galaxy Note7 (o consumidor medio non entende de modelos tan específicos, e resultaba especialmente doado entender que o fallo de seguridade afectaba ao Galaxy S7, pois era a liña de móbiles de Samsung que se vendía realmente cun 7 no nome), de aí que agora teña bastante sentido que Samsung xuntase forzas con Iberia para deixar clara a seguridade do Note8.

PUBLICIDADE