Santiago contará cun centro loxístico robotizado para liberar o centro histórico de vehículos pesados

martes, 27 de xullo do 2021 S. P.

En Santiago, un centro loxístico robotizado evitará a entrada de vehículos pesados na cidade histórica. Trátase dunha das iniciativas abeiradas á folla de ruta para converter Compostela nunha Cidade Intelixente e que foi presentada este 27 de xullo nos seus detalles polo presidente do Consorcio e alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen sinalou que se pretende instaurar un modelo de reparto acorde coa conservación do patrimonio e cunha mobilidade sustentábel e eficiente.
Isto será posíbel grazas a un centro robotizado que terá a súa sede nun predio propiedade do Concello no barrio de Meixonfrío. A este centro chegarán todas as mercadorías, que logo se repartirán ao longo do día en varios vehículos eléctricos sustentábeis de pequeno tamaño e vehículos sen condutor, cos que xa se van facer probas nos vindeiros meses. Esta iniciativa ten un investimento previsto de 7 millóns de euros. Bugallo fixo saber que con esta iniciativa Santiago converteríase “na primeira cidade histórica en acometer un proxecto desta envergadura”. Ao seu xuízo, “é intolerábel que na cidade histórica entren vehículos de elevada tonelaxe porque afecta aos pavimentos, en ocasións tamén producen danos nos propios inmóbeis e ofrécese unha mala imaxe da cidade”.

PUBLICIDADE