SempreCinema apoiará a produción do sector cinematográfico galego

xoves, 31 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, participou onte na sinatura do acordo entre SempreCinema Producións, S.L. e o Consorcio Audiovisual de Galicia para o apoio e promoción do sector cinematográfico en Galicia, acompañado por Javier Carral Martínez, presidente da sociedade, e José Manuel García Iglesias, director de Acción Sociocultural de Caixa Galicia.
Salgado destacou que o instrumento presentado é «innovador, flexible, financeiramente potente e ambicioso nos seus obxectivos» e supón «un salto cualitativo na produción audiovisual e cinematográfica de Galicia» pois fai que a Administración vaia máis aló da subvención tradicional «para compartir o risco das grandes iniciativas que se adopten no eido audiovisual».
A sociedade posúe un compoñente mixto de capital privado, representado pola Fundación Caixa Galicia, e de capital público, a través de XesGalicia e do Consorcio Audiovisual de Galicia.
No tocante nos obxectivos que abordará SempreCinema, Salgado destacou que financiarán «proxectos que non só ofrezan fundadas expectativas de viabilidade e rendibilidade comercial senón que supoñan un trampolín para o audiovisual de Galicia e unha pantalla para proxectar o novo país e a nosa imaxe internacionalmente».