Senseitrade, entre os finalistas dos premios Fintech European Awards

martes, 29 de agosto do 2017 Redacción

David Conde e Juan Carlos Díaz, cofundadores de Senseitrade

Estes días a comunidade en liña está a elixir coas súas votacións os gañadores do certame Fintech European Awards. Entre os finalistas deste prestixioso concurso de innovación europea hai presenza galega. Máis polo miúdo a da firma Senseitrade, con sede na Tecnópole. O palmarés daranse a coñecer durante a conferencia internacional do sector programada en Bruxelas o 27 de setembro. A firma Senseitrade parte dos mellores precedentes: foi gañadora na edición 2015 da aceleradora ViaGalicia. O motivo? A súa tecnoloxía innovadora, un recurso que nos permite tomarlle o pulso ás redes sociais en materia bolsista.
Trátase, máis en detalle, dunha aplicación que nos axuda a tirar proveito da inxente información de valor que se publica nas redes sociais (o que se coñece como Big Data social) para tomarmos as mellores decisións en materia de investimento en bolsa. A app Senseitrade está dispoñíbel para iOS e para Android e foi desenvolvida co obxectivo de tirar proveito das comunidades 2.0, en especial Twitter, como emprazamentos de información onde se deciden boa parte dos camiños que vai seguir a bolsa
O xermolo desta iniciativa empresarial partiu dun estudo da Universidade de Múnic no que, tras avaliar polo miúdo máis de 250.000 chíos sobre bolsa, concluíuse que é posíbel predicir a súa evolución cun 87% de acerto. A partir da análise das redes sociais, Senseitrade ofrece unha serie de funcionalidades para que calquera persoa poida acceder ao investimento en bolsa sen ser un experto. A día de hoxe, conta xa con máis de oito millóns de usuarios en España.

PUBLICIDADE