Sete blogueiros referenciais darán conta dos atractivos turísticos de Ferrol

martes, 7 de xuño do 2016 Redacción

JPEG - 165.3 KB
A praia de Doniños, un dos principais enclaves turísticos da bisbarra

Ferrol vai recibir os días vindeiros a visita dun elenco de blogueiros referenciais en materia de destinos turísticos e viaxes. Trátase, máis polo miúdo, dos integrantes dun blog trip organizado polo departamento de Turismo do Concello, un itinerario polos principais reclamos paisaxísticos, gastronómicos, patrimoniais e hoteleiros do termo ferrolán e a súa contorna, que se vai desenvolver entre este venres e o domingo. Segundo informa o Concello, “os participantes poderán coñecer as enormes potencialidades da cidade para o parapente, o mergullo ou o surf, e os seus espazos naturais, así como o casco histórico ou o barrio de Canido”.
O obxectivo da actividade é xuntar forzas cos ditos internautas referenciais para promover o atractivo de Ferrol no mundo a través das moitas canles e vertentes da Sociedade da Información (Internet, redes sociais, blogs, dispositivos).
A actividade enmárcase na nova liña de promoción desenvolvida pola Concellería de Turismo, que dirixe Bruno Díaz. Contará coa presenza de Carlos Olmo (Vagamundos), Víctor Gómez (Machbell), Sabela Montero (Viajando blog imágenes y sensaciones), Víctor Fernando (Foto escapada), Verónica Martínez (Vero4travel), Laura Fernández (Meridiano 180) e Pepe Romera, experto en vídeo mercadotecnia e responsábel de peperomera.com.
O obxectivo, como dixemos, é conseguir que os participantes no Blog Trip Concello de Ferrol poidan amosar “o enorme potencial da cidade no ámbito de lecer activo e turismo de natureza”, de xeito paralelo ao coñecemento da súa historia e arquitectura, “incidindo así na nova liña de promoción desenvolvida pola Concellería de Turismo, que dirixe Bruno Díaz”.

PUBLICIDADE