Shadow of the Colossus chega a PS4 con aparencia renovada

mércores, 7 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Un dos xogos máis aclamados dos tempos da PlayStation 2, Shadow of the Colossus, está de volta nunha versión con gráficos mellorados, un mellor rendemento e uns controis actualizados (opcionais) para permitir que os usuarios de PlayStation 4 poidan redescubrir esta obra mestra de Fumito Ueda na que hai que seguir o rastro de 16 criaturas colosais para trepar sobre as mesmas descubrindo os seus puntos febles e así poder derrotalas.
Dende hoxe podemos mercar a versión de PS4 de Shadow of the Colossus por 39,99 euros, para así poder gozar desta remasterización realizada por Bluepoint Games e JAPAN Studio para que a aventura que chegara a consolas hai máis dunha década poida gozarse con dignidade.
Shadow of the Colossus ofrece unha orixinal narrativa, cunha interface limpa e unha proposta moi innovadora no seu momento (fuxindo da exploración de alxubes e combates contra numerosos inimigos), que aínda hoxe continúa a ser fresca, convidando aos xogadores a explorar, superar obstáculos, solucionar quebracabezas e, en definitiva, completar unha misión par devolver á vida a unha moza chamada Mono.

Shadow of the Colossus pode considerarse como un quebracabezas de acción no que os inimigos son seres xigantescos dos que teremos que atopar cadanseu punto feble

PUBLICIDADE