Shinobi volve para vingarse

venres, 29 de agosto do 2025 Redacción

SEGA vén de lanzar oficialmente Shinobi: Art of Vengeance, un novo título de acción e plataformas en 2D que marca o retorno dunha das franquías máis emblemáticas da historia dos videoxogos. Desenvolvido polo estudo Lizardcube, recoñecido polo seu traballo en Streets of Rage 4, o xogo está dispoñible para PlayStation 4 e 5, Xbox One e Series X|S, Nintendo Switch e PC, a un prezo de 29,99 euros na súa edición estándar e 39,99 euros para a edición deluxe que inclúe contido adicional.
Shinobi: Art of Vengeance sitúa ao xogador na pel de Joe Musashi, mestre ninja do clan Oboro. Tras descubrir que a súa aldea foi destruída e os seus compañeiros convertidos en pedra, Musashi emprende unha misión de vinganza contra unha ameaza maligna liderada por Lord Ruse, cabeza da corporación paramilitar ENE Corp.
O título destaca pola súa estética debuxada a man e pola variedade de escenarios, que inclúen desertos abrasadores, bases militares e outras localizacións de estilo singular. A xogabilidade combina plataformas desafiantes con combate corpo a corpo, onde o xogador pode empregar a katana Oborozuki, kunais, técnicas de ninjutsu e poderes especiais denominados ninpos.
Entre as mecánicas principais, o xogo permite encadear combos sen límite, desbloquear amuletos para mellorar habilidades e utilizar ferramentas ningi para superar obstáculos e descubrir rutas alternativas. 

Tráiler de lanzamento do xogo