SmartPEME pon en marcha outros catro obradoiros en liña

mércores, 13 de outubro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, centradas novamente en equipar ás empresas e ás persoas autónomas en recursos de dixitalización que lles axuden a mellorar a súa actividade. As accións versarán sobre a utilización de Instagram enfocado á empresa, sobre copywriting aplicado á web, sobre a fabricación dixital e sobre os motores de reservas para empresas turísticas.
En concreto, este mércores 13 de outubro impartirase o obradoiro Como utilizar Instagram para promover a túa empresa I. Estará a cargo de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, quen exporá a utilización sinxela deste aplicación e a forma de aproveitar o seu público potencial. Xa pola tarde, celebrarase o obradoiro Copywriting aplicado á web e redes sociais, a cargo de Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, onde falarase do significado deste termo e como empregalo correctamente.
O xoves 14 será a quenda de Fabricación dixital. Impresoras de Filamento de Manuel Freire, experto universitario en robótica, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas na fabricación dixital e permitirá deseñar unha peza 3D. O itinerario inclúe, amais da formación teórica, unhas 20h de practicas en impresores e escáner 3D.
Para finalizar, pola tarde, Sonia Torres, técnica de empresas e actividades turísticas, falará dos Motores de reservas para empresas turísticas, obradoiro centrado no bo uso do noso motor de reservas, entre outros conceptos, para sacarlle o máximo partido ao noso negocio turístico.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME na url de cada evento. Tamén é posíbel facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.

PUBLICIDADE