SmartPEME remata outubro con sete novos cursos tecnolóxicos en liña

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

Continúa nesta recta final de outubro a actividade da rede de capacitación dixital SmartPEME, habilitada pola Deputación de Pontevedra para contribuír á transformación tecnolóxicas de empresas, autónomos e profesionais. Segundo informou a Deputación, responsábel da rede, este remate de outubro vén cun novo paquete de cursos informáticos que, por mor da actual situación sanitaria, seguirán tendo formato online. Serán, a celebrar esta semana, sete novas accións formativas. Inclúense contidos sobre Linkedin e Instagram para empresas, debuxo con Onshape, optimización da presenza en liña, melloras no footer dunha web e comercialización en liña de experiencias gastronómicas.
Os obradoiros comezaron este luns da man de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, que impartiu a sesión Linkedin para empresas. Este martes 27 de outubro será a quenda de dúas novas accións: Reels: a nova función de Instagram, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, e Debuxo con Onshape, PartStudio V, impartida polo experto universitario en robótica Manuel Freire.
O mércores 28, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, desenvolverá Mellora a túa presenza en liña promocionando as entradas do teu blog.
Na xornada do xoves están previstos dous obradoiros: Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, falará sobre Como mellorar o footer da túa web, e o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández impartirá a acción Promociona a túa empresa a través dos stories de Instagram. Por último, o venres 30 levarase a cabo Comercialización en liña de experiencias gastronómicas a cargo de Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas e posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas.

PUBLICIDADE