SmartPeme+ achega en marzo tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica
luns, 9 de marzo do 2026
A Deputación de Pontevedra organiza este mes de marzo tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas telemáticas e con inscrición previa, afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o uso das redes sociais ou o posicionamento en buscadores.
O marzo 10 de marzo celebrarase a partir das 12.00 horas o obradoiro LinkedIn para empresas e profesionais. Porase o foco nunha das redes sociais (LinkedIn) máis valoradas por profesionais, autónomos e microempresas, pola súa facilidade para crear unha rede profesional de contactos. O obradoiro pretende dar a coñecer a rede social e o seu funcionamento para poder sacarlle o máximo proveito. Será impartido pola experta en mercadotecnia dixital e comercio electrónico María Aller e as inscricións pódense formalizar en liña.
O mércores 18 de marzo, a partir das 12.00 horas, desenvolverase o obradoiro Contido para redes sociais: como atraer clientes. Os participantes neste obradoiro aprenderán a usar o Sistema 70/30, unha metodoloxía onde o 70% do contido traballa para reter a audiencia e o 30% restante encárgase de converter seguidores en clientes. Será impartido polo experto en deseño web, mercadotecnia dixital e posicionamento Guillermo Nass, con inscricións abertas na Rede.
Finalmente o xoves 26 de marzo, tamén desde as 12.00 horas, a Deputación ofrece o obradoiro SEO para comercio electrónico: posiciona a túa tenda en Google. As persoas participantes aprenderán como optimizar os seus sitios web de venda en liña e mellorar o seu posicionamento nos motores de procura cun enfoque práctico, tendo en conta que o éxito dos negocios en rede depende de que a clientela, que busca satisfacer unha necesidade ou desexa, atope o negocio. Será impartido pola experta en marketing dixital e comercio electrónico María Aller e as inscricións pódense formalizar en liña.
A Deputación destina en 2026 740.000 € á Rede SmartPeme+ que, por vez primeira, será coordinara co servizo dos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia co obxectivo de “cubrir todo o territorio da provincia”. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes e impartindo obradoiros formativos e actividades complementarias.
