Só o 5,5% dos blogs existentes están en activo

martes, 23 de setembro do 2008 Marcus Fernández

David Sifry actualizou o seu habitual informe sobre o estado da blogosfera analizando os datos rexistrados por Tecnorati, combinando análises de datos brutos con máis dun milleiro de enquisas entre os seus usuarios, reflectindo uns datos impresionantes coma que o censo de blogs estaría nos 133 millóns (despois do borrado de moitos blogs-lixo), dos que só 7 millóns publicarían algo nos últimos 4 meses e só 1,5 millóns publicarían algo na última semana, do que podemos entender que pouco máis do 5,5% dos blogs existentes están plenamente operativos, e dos mesmos apenas a quinta parte terían certa frecuencia de actualización.
Aínda así o número de entradas en blogs que se rexistran dende Technorati é dunhas 900.000 ao día, o que supón un volume de información moi importante (unhas 10,4 anotacións por segundo).
Sifry tamén destaca que a meirande parte dos blogueiros consultados recoñeceron ter anuncios nos seus blogs, algo que noutro tempo resultaría impensable, chegando a existir debates sobre se o formato de publicación era compatible (eticamente) coa publicidade. Agora, aínda que a meirande parte dos blogs consigan pola publicidade unhas cantidades moi pouco significativas, nos casos dos espazos máis visitados os ingresos son de milleiros de dólares.