Song Bird será o karaoke de Meta Quest

xoves, 21 de novembro do 2024 Marcus Fernández

O xogo contará cun catálogo inicial de 33 cancións

Non é ningún segredo que os xogos de ritmo teñen grande éxito en realidade virtual, pero agora hai unha nova proposta que tamén quere tentar con outra variante musical: o karaoke. O vindeiro 5 de decembro chegará á tendas dixitais para Meta Quest 2 e 3 o xogo Song Bird, que poderemos adquirir de lanzamento a un prezo promocional de 11,99 euros, ofrecendo un catálogo musical de 33 temas (entre os que figuran clásicos como Sweet Caroline, I Will Survive, Never Ending Story e Dancing Queen, xunto con temas máis modernos de artistas como Miley Cyrus, Selena Gomez ou Bruno Mars) ao que se poderán sumar máis pezas como contido descargable.
Estamos ante unha proposta de karaoke inmersivo, nacido da mente dalgúns dos creadores de Guitar Hero, que a través de contornos inmersivos ofrecerán unha experiencia moi diferente á que estamos afeitos nos xogos deste xénero, comezando polo mero feito de que os visores de realidade virtual xa integran micrófono, polo que non será preciso contar con equipamento adicional.

Vídeo promocional de Song Bird