Sony descúlpase pola inclusión da Catedral de Manchester nun videoxogo

luns, 18 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A aparición da catedral de Manchester no xogo de PS3 Resistance: Fall of Man molestou á Igrexa británica, que pediu unha desculpa de Sony e a retirada do xogo do mercado (ou a eliminación da Catedral do mesmo) ó que a compañía nipona vén de responder cunha “sincera desculpa”, o que agradeceron os voceiros do clero anglicano, que non gustaban de que a catedral servise coma campo de batalla.


Imaxes do xogo no que se pode ver unha emboscada alieníxena na Catedral de Manchester

De tódolos xeitos Sony négase a modificar o xogo ou a retiralo, pois tras admitir que o monumento que aparece no xogo é a Catedral de Manchester, non aceptan “ningunha conexión entre o Manchester contemporáneo no século 21 coa obra de ciencia ficción na que se amosa unha Bretaña invadida por alieníxenas nos anos 50”. Dende Sony reiteran que non pretendían ofender a ninguén coa incorporación da Catedral ó seu xogo.

PUBLICIDADE